domingo, 28 de diciembre de 2008

Rastrillo solidario

En decembro comezamos o rastrillo solidario para axudar aos nenos soldado da República Democrática do Congo. Igual có ano pasado e igual cós anos vindeiros... porque seguiremos, non o dubidedes... Esta vez ampliamos o círculo: os días 10 e 11 de xaneiro estaremos na carpa do pobo, con moitas cousas interesantes, non só as feitas polos alumnos senón tamén outras que nos doaron desinteresadamente. Esperámosvos a todos os miñenses. Pasade a noticia. A fins de xaneiro, coincidinco co día da Paz, faremos unha exposición no cole con toda a información dos nenos soldado para que os coñezades e saibades como funciona o proxecto no que estamos implicados-as. Tamén expoñeremos as postais que lles imos enviar despois dese día que nos gustaría que fose realidade: DÍA DA PAZ, 31 DE XANEIRO.
Poñeremos fotitos do rastrillo deses días. E, dentro duns días, tamén poñeremos fotos do rastrillo que fixemos no cole a semana anterior ás vacacións de Nadal. Neses días tamén conseguimos reunir uns 200 euros. Grazas por colaborar.

domingo, 14 de diciembre de 2008

CLUB DE LECTURA

Este curso pretendemos poñer en marcha un club de lectura no noso colexio, dirixido ós alumnos de 2º ciclo de ESO.

FINALIDADES DO CLUB DE LECTURA:
-O obxectivo principal deste club non é a análise exhaustiva da obra literaria, senón o pracer de ler e tamén o de compartir.
-Pretendemos fomentar o hábito da lectura como unha actividade enriquecedora que abre moitas posibilidades para o tempo de lecer.
-Queremos favorecer o diálogo e a comunicación, para que os alumnos-as recoñezan que a lectura non sempre ten que ser un feito solitario (aínda que tamén) e que serve para compartir gustos, inquedanzas, significados, emocións e opinións sobre o lido.
-Gustaríanos crear un ambiente que favoreza o intercambio de opinións e a aprendizaxe do respecto mutuo: saber escoitar e falar, non interromper aos demais, entender que todas as opinións son válidas... e así favorecer a autoestima e a tolerancia.

-Queremos conseguir que se recoñeza a biblioteca como un lugar onde persoas con intereses diferentes se encontran, comparten cousas e participan nas actividades organizadas por esta.

-Pretendemos incrementar o uso da biblioteca e dala a coñecer como un equipamento cultural imprescindible para o desenvolvemento das materias que cursan e tamén como un medio de axuda e como un lugar para solucionar dúbidas.

-Identificar a biblioteca como o lugar de reunión onde persoas que teñen ganas de compartir ideas, experiencias... se xuntan e invitan a outras persoas a facer que ese lugar sexa cada vez máis frecuentado.

-Ampliar o club de lectura con outras persoas da Comunidade escolar en vindeiros proxectos.

-En definitiva, conseguir que a biblioteca se identifique cos valores positivos que tanto estamos necesitando: serenidade, comunicación, reunión, ilusión, aprender, viaxar, coñecer, compartir, diversión, axuda, amizade...

HORARIO E CALENDARIO PARA AS REUNIÓNS PRESENCIAIS:

As reunións terán lugar na biblioteca do centro todos os venres, de 11,15 h. a 11,45 h. sempre que o calendario escolar dos compoñentes o permita. De ter exames, saídas culturais, actividades extraescolares... esta xuntanza trasladarase ao día e hora que se decida entre todos. Tamén pode ser susceptible de ser ampliado se o grupo considera que o ritmo de lectura debe ou quere ser alterado, puidendo convocarse unha reunión extra en calquera momento que haxa un “oco” e que os lectores así o demanden.

ACTIVIDADES PROGRAMADAS:
-A primeira consistirá na entrega dunha ficha na que se expliquen os datos máis importantes: en que consistirá o Club de lectura, intencións, SiS e NONS... que entregaremos a todos os membros. (Achegamos un modelo de “folla voante”)

sábado, 27 de septiembre de 2008

¿QUE ESCRIBO NO BLOG?

10 ideas para escribir no blog

1. Opina sobre un libro, sobre unha peli, música...
2. Opina sobre un producto: por exemplo, sobre un ordenata, un pórtatil, unha bicicleta, unha táboa de windsurf...
3. Opina sobre un blog que che guste
4. Crea unha lista de cousas útiles
5. ¿Sabes algo que os outros non saiban? Pois cóntao, recibirás comentarios, enlaces, ideas...
6. O negativo: se estas en contra de algo, escríbeo, con respecto.
7. As cousas técnicas son difíciles: se ti puideches resolver algún problema técnico, podes escribir explicando como. Tamén podes explicar como se fai algo...
8. A entrevista: colga unha entrevista a unha persoa que creas que ten algo importante que dicir ou contar.
9. Vídeos: podes buscar algún bo vídeo de YouTube e colgalo no blog ou facelo ti...
10. Avisa de acontecementos: no cole, no pobo...

jueves, 10 de julio de 2008



Non o esquezas. Un blog só existe se ti escribes nel. Esperamos os vosos comentarios e tamén que escribades cousas para "subir" como entradas e que os demais opinen.

lunes, 30 de junio de 2008

UN RECUNCHIÑO DE SOLIDARIEDADE

Este ano traballamos para conseguir cartos e enviárllelos aos nenos ex- soldado da República Democrática do Congo. Fixemos dous rastrillos: un en Nadal e outro en xuño. ¡Tivemos moito éxito, aínda que esperamos ter máis para o ano! Recadamos no 1º, 600 eurazos e no 2º, 550... moitos cartos porque tamén nos axudaron os nenos e nenas do IES Castro da uz das Pontes. Podedes ler o artigo que saíu sobre o tema no noso xornal trimestral "Mi pueblo": Sergio García foi o entrevistado e nel explícanse moi ben os motivos, ideas, intencións...
Para o ano temos que continuar o traballo xa que nese país resulta moi necesaria a nosa axuda. ¡Hai que animarse TODOS -profes e alumnado- e vir comprar!
Os traballos que fixemos para a súa venda foron: mandalas, marcapáxinas, xogos de tres en raia, pedras e cunchas pintadas, pins e chapas, libretas... Calquera outra cousa que se vos ocorra SERÁ MOI BEN RECIBIDA e poñerémonos a traballar. Podedes darnos ideas escribindo nos comentarios desta entrada.
Ah! ¡Estades TODOS invitados a participar o curso que vén no traballo porque intentaremos ocupar algún recreo para que nos resulte máis doado reunirnos!

domingo, 29 de junio de 2008


Ademais do libro do que xa vos falou Fran, aquí van algunhas suxerencias de libros que podedes pedir na casa para ler agora no verán:


-De 6 a 9 anos


Kika Superbruxa, unha invención de Knister, un showman e escritor alemán que soubo conxugar a inquietude dos rapaces que todo o queren descubrir coas aventuras trepidantes que un libro de maxia abandoado fará vivir á súa nova dona, Kika, unha nena como calquera outra que un día atopa un libro de maxia abandoado e aproveita para vivir mil aventuras sen contar a ninguén os seus recén adquiridos conñecementos, nin sequiera ao seu irmán menor.


A colección Elige tu cuento, de Edebé permite aos nenos crear a súa propia historia baseándose nos contos tradicionais como Carapuchiña Vermella ou o Os sete cabritiños e o lobo.


Franny K. Stein non é unha nena como as demais. A súa habitación é escura e prefire a compañía dun morcego a calquera outro animal. Adora as ciencias e é capaz de idear case calquera cousa. Autor: Jim Benton-De 9 a 12 anosPode ser a idade para os que aínda non lestes as aventuras de Harry Potter. Hai moitas onde escoller, algunhas traducidas para galego.


As aventuras de Gerónimo Stilton divertirán aos chicos aos que aínda lles custe un pouco a lectura.Gonzalo Moure é considerado por moitos como un autor das mellores apostas actuais. O Premio Anaya de Literatura Infantil y Juvenil 2006 conta na súa última novela, Un bosque de hoja caduca, que crecer doe, que non é un proceso fácil.


-De 12 a 14


Se continuamos no mundo máxico a triloxía La guerra de las brujas de Maite Carranza é unha boa opción. De momento están publicados os dous primeiros títulos El clan de la loba y El desierto de hielo.


Jordi Sierra i Fabra é outra posibilidade que nos servirá tanto para rapaces de 12 a 14 como para máis adiante. A súa última novidade, Kafka y la muñeca viajera, narra as aventuras que Kafka escribía en forma de carta para unha desconsolada nena que perdeu a súa boneca.


-De 14 en adiante


A serie Flannagan, o detective máis famoso dos suburbios de Barcelona, de Andreu Martín y Jaume Ribera ten moita aceptación. Debe ser dos poucos que discute a Sierra i Fabra o seu dominio total de autores actuais nos institutos.


Dos mesmos autores, a serie Tres Pi narra as aventuras dunha decidida rapaza detective chamada Teresa que decide cambiar o seu nome.


As aventuras e desventuras de Carlota, primeiro en forma de novela e despois en forma de diarios (vermello, violeta e azul) servirán de reflexión a moitos rapaces e rapazas preocupados por temas tan actuais como a anorexia, a sexualidade, a violencia de xénero ou o “bullying”. Escritos por Gemma Lienas.

miércoles, 18 de junio de 2008


Esta lectura recoméndavola Fran, de 4º. ¡Non digades que non é orixinal a súa maneira de dicirnos que leamos o libro que mandou a profe de Lengua!

Mirade o vídeo, gustaravos.

video

Tamén podedes ler outras cousas que atoparedes na biblioteca, por exemplo as novidades deste ano...

martes, 17 de junio de 2008

CONCURSO "Unha imaxe na túa vida"


¿Non din que unha imaxe vale máis que mil palabras? Pois nós imos valorar as dúas cousas: o texto e a imaxe. Así que... ¡ÍDEVOS PREPARANDO! O curso que vén faremos un novo concurso. Podedes ir buscando unha imaxe que vos guste MOITO. No verán, tedes tempo para conseguila. Cando a teñades, só tedes que escribir un pequeno texto explicando por que a escollestes, por que vos gusta, que significa para vós... e despois colocades todo sobre unha cartolina Din A4 da vosa COR PREFERIDA.
Haberá premios guais, un para PROFES e outro para ALUMNADO.
Veña, animádevos, expoñerémolas -coma sempre- no vestíbulo.

martes, 10 de junio de 2008

Isto remata


Isto está a piques de rematar. Podedes despedirvos empregando este sitio, así que ... un bico, corazóns e ¡BO VERÁN A TODOS!

AVISO IMPORTANTE


TÓDOLOS ALUMNOS E PROFESORES QUE TEÑAN EN PRÉSTAMO LIBROS DA BIBLIOTECA DEBEN DEVOLVELOS COMO DATA TOPE O 13 DE XUÑO

domingo, 8 de junio de 2008

Os poemas adoptados


ESTE FOI O QUE ADOPTOU FRAN VALIÑO, 4ºB. Conseguiu (despois de varios intentos...) facer un corazón de plastilina:

ÁMAME ANARQUISTA

Ámame anarquista
freneticamente
mentres desanudo e ceibo
o pano que che enreda
a cabeleira
e libero o teu peito
xa sen freno
xa sen senso
sempre cara á fronteira
roxa e negra
e violeta.
Ámame cara á esquerda
cara a cara
cara á noite
cara a ti
sempre cara a ti mesma.
Ámame anarquista
mesmo contra ti mesma.



Tigres de tenrura, Claudio Rodríguez Fer

ADOPTADO POR FRAN
Hai moitos máis e todos moi guais, verédelos nun libriño que estamos a facer co texto e as fotos de todo o que a cada un lle suxeriu o seu poema. Esperamos que vos gusten e nos digades cal é o voso preferido (tamén os podedes ver no vestíbulo de Secundaria porque están expostos no "Recuncho da poesía" que nos preparou Chus.

miércoles, 4 de junio de 2008

XA TEMOS REVISTA

Pois si, xa temos revista no Castro Baxoi. Aí está a bonita portada que nos fixo Noelia, de 4ºB.
¿Que vos pareceu "Dtodo"? Contádenos cousas... esperamos.

lunes, 26 de mayo de 2008

Adopción de poemas

O curso de 4º B ESO e algúns de 4ºA ESO "adoptamos" un poema. Todos son de autores galegos e con eles a profe díxonos que "podiamos facer o que queiramos, que para iso eran os nosos afillados"... Así que puxémonos mans á obra e traballamos con eles nalgunha das clases. Hai quen fixo un debuxo, quen "esculpiu" algo relacionado co seu poema, hai quen está a facer elementos móbiles e tamén os hai que fan ¡¡¡ unha cometa!!!
Cando os teñamos, expoñerémolos, veredes que ideas tan orixinais...

As noticias da nosa vida

Os de 3º ESO estamos buscando en Internet a noticia que máis nos impactou dun ano concreto. Miramos os anos que nós levamos vividos (¡que son moitos xa!), así que revisamos dende o 92 ata o 97. Queremos facer unha exposiciòn con todas elas porque son moi interesantes e servirán para o recordo. Colgamos unha das que xa están feitas, concretamente a do ano 2007:


2007
As sete novas marabillas do mundo

Nesta selección admitíronse estruturas creadas dende que a humanidade existe ata o ano 2000, coa condición de que estivesen en pé na actualidade. Os resultados foron dados a coñecer o 07.07.07 no Estádio da Luz, en Lisboa: Chichén Itzá en México, Machu Picchu en Perú, o Cristo Redentor en Río de Xaneiro, a cidade de Petra en Xordania, a Gran Muralla Chinesa, o Coliseo de Roma e o Taj Mahal na India.


Alex Pena e José Ramón Picos

sábado, 17 de mayo de 2008

No Castro Baxoi celebramos o día das Letras galegas


Primeiro houbo unha entrega de premios do I CONCURSO DE CALIGRAMAS: diplomas e un libro dos Bolechas para os cursos de infantil, xa que cada clase presentou un caligrama precioso, e premios interesantes para os alumnos de ESO aos que o xurado elixiu como os mellores artistas "caligrafeiros" (José Ramón Picos e Alberto Rosende, de 3ºA). Despois as alumnas e alumnos de 2º de Obradoiro representaron con monicreques O merlo branco, unha obra de Cándido Pazó. O público asistente eran os nenos e nenas do nivel de infantil do noso cole, os que , ao remate do teatriño, recitaron poemas de Álvarez Blázquez. Saíronlles moi ben porque os levaban moi ben ensaiados e aprendidos. A actuación foi acompañada por música e tamén dunha presentación sobre o autor homenaxeado este ano e a súa obra.

viernes, 16 de mayo de 2008

Letras galegas 2008


Este ano dedícase o día das Letras galegas a Xosé María Álvarez Blázquez (Tuy, 5 de febreiro de 1915 - Vigo, 2 de marzo de 1985). Lede un dos seus poemas:

“A cometa”
Botar unha cometa
era guindar os soños
todos pola fiestra.

Era poñer a ialma
por enriba das ponlas
máis ergueitas da fraga.

Era andar cos miñatos
nun alto voo suspenso
sobre a paz dos campos.

Era ter –cousa meiga!-
o corazón atado
cun longo fío á terra.

COUSAS DO NOSO COLE


-O noso colexio é moi bonito e ten moitas aulas distribuídas por moitos sitios. O patio no que xogamos é moi grande. Hai cabras e outros animais, un ximnasio, un pavillón xigante, unha biblioteca con libros de todo tipo que está moi ben e é moi acolledora. Tamén somos moitos nenos e as clases van dende párvulos ata a ESO. A min gústame moito o meu colexio.
Verónica Cousiño

-No noso cole estamos a axudar aos nenos ex soldado. Facemos rastrillos para vender todo o que facemos nas clases de Alternativa e despois mandámoslles os cartos. Vós tamén podedes axudar. Animádevos comprando e tamén facendo cousas para a súa venda.
Rubén Miño.

Algo sobre as linguas


Sobre as linguas
"As linguas non restan. As linguas suman. As linguas non pesan. Non son un lastre para quen as leva. Pola contra, son elas as que levan o peso da historia enriba da cabeza. Móvense por unha sorte de enerxía interior, alternativa. O xeito en que traballan as verbas, a maneira de elas viviren, é moi semellante á relación que ten a avelaíña coa lámpada na noite. Porén, malia non ter peso, as linguas pertencen á natureza. Mesmo son o enxerto máis logrado e actúan coma o pole para a semente.
(...)No recente informe do PNUMA, o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, fanse unhas afirmacións moi interesantes verbo das linguas. Paréceme fundamental ese enfoque. Considerar as linguas parte esencial do medio ambiente. Normalmente, falamos como respiramos. Mentres respiramos non nos poñemos a reflexionar sobre a importancia do aparato respiratorio. (...) O que di o PNUMA é que a perda dunha lingua e do seu contexto cultural representa a queima dun libro de consulta único do mundo natural. (...)

MANUEL RIVAS

jueves, 1 de mayo de 2008


Ruta currosiana.

O 30 de abril, 3º e 4º de ESO fixemos a ruta de Celanova a Vilanova dos Infantes.

martes, 29 de abril de 2008


E... fomos a Urueña: No Centro E-lea lemos, escribimos palabras e compuxemos, no bus de volta a casa, un poema entre todos:


O ESPERTAR DUN NOVO DÍA
A nosa vida daba voltas como unha escaleira de caracol,
sempre inmersos na verdulería das nosas mentes.
No futuro teremos que esquecer
o mundo que nos envolveu,
e lembrar aquelas infinitas tardes de sol
de cando eramos cativos
e faciamos castelos de area
que se viñan abaixo como o muro de Berlín.
Volviamos a vista a aqueles tempos
nos que os soldados loitabamos pola liberdade,
desexando regresar á casa añorada e cálida
despois de termos pisado terreos infernais.
Os tontos e inxenuos pensabamos
que eran sinceras as promesas
de PAZ,
mentres que os nenos seguían camiñando
polas vías da vida,
comendo galletas salgadas
e amargas e frescas chirivías.

¡Quen puidera esquecer aquelas verdades
nunca ditas daquel outro Berlín
e zanxalas para sempre!

¡Quen puidera borrar as lágrimas
que impedían ás miradas
ver a luz do día
e ollar, asombradas, a luz dun novo sol!

Meditando e pensando
fóronse abrindo as portas
con sinceras emocións
e inmediatos sentimentos,
escoitando as voces daqueles mozos
que trataban calquera tema
baixa a frondosa árbore da liberdade.
E no pensamento de Bruno
aqueles homes repugnantes,
chamados militares,
daban a súa vida por nada.
Nun mundo vestido con uniforme de paz,
nenos felices cheos de esperanza e
os seus fieis amigos
xogan agora nos bambáns
con panos brancos
que limpan as antigas feridas.
Eses vellos tempos de xeques xa pasaron
e agora... o meu avó recorda con nostalxia
como se iluminaba a súa cara
cando cantaba
ao sementar patacas
e lía no xornal o seguinte titular:

¡DOS NOSOS RESPINGOSOS CORAZÓNS BROTARÁN AS PALABRAS MÁIS CLARAS!
4ºA e 4ºB do CPI C.Baxoi e alumnos-as do IES Castro da uz das Pontes.

sábado, 19 de abril de 2008


No mes de abril... libros mil

Si, porque abril é o mes dedicado a eles. O día 23 celébrase o día do libro e nós, os de 4º ESO, imos o día 22 a Urueña a celebralo facendo unha lectura continuada! Sairemos de Miño ás 8 h. da mañá para chegar á vila do libro (única en Europa) para comer. O día 23 leremos, nunha sala do centro E-Lea que nos cederon amablemente en Urueña, o libro O neno do pixama a raias (e tamén en castelán). Voltaremos ese día, despois de escribir conxuntamente (pois imos cun grupo de alumnos-as do Ies Castro da uz das Pontes) un poema que traeremos para colocar no noso cole, feito a partir das palabras que máis nos chamaron a atención do anaco de texto que nos tocou ler. Traremos "fotitos".

miércoles, 16 de abril de 2008

Enviáronnos este comentario anónimo... Vai, aínda que nos gustaría máis coñecer a identidade porque opinións así merecen ter un autor... ¿non si? Grazas, porque contigo inauguramos os correos-e.

"Gustounos moito a visita de Gonzalo Moure,pareceunos un home moi interesante e simpatico.Con moitas ganas de demostrar o que sente....estas cousas habia que repetilas mais veces!! "

martes, 15 de abril de 2008



Estivo con nós Gonzalo Moure.
Van unhas opinións:
-Encantoume a conversa co escritor G.Moure, xa que falamos de moitas cousas que me pareceron moi interesantes: a vida no Sáhara, a súa relación cos cabalos, as súas viaxes, conversacións con alumnos e alumnas doutros centros... Ademais falaba con moita tranquilidade e sinceridade, sen ningún problema para contestar as nosas preguntas. A súa perspectiva sobre a vida é moi peculiar e ligada ao seu traballo, baseada nos sentimentos pois –como el dicía- “para mí la literatura es como el amor”. Isto pareceume moi singular e chamoume moito a atención. Raquel Bustabad.

-Gonzalo Moure encantoume como persoa e como escritor. Ten algo, non sei..., que fai que esteamos atentos a todo o que di. Gustaríame ter unha vida tan apaixoante como a súa: visitar todos eses países e ter un traballo que me guste tanto como a el escribir. Lucía Lourido.

martes, 8 de abril de 2008



¡¡¡XA TEMOS GAÑADORES NO CONCURSO DE CALIGRAMAS!!!

1º PREMIO:
JOSÉ RAMÓN-3ºA

2º PREMIO: ALBERTO-3ºA

(Os premios entregaranse a semana das Letras Galegas)

sábado, 5 de abril de 2008

Agora outro libro que podedes ler:
Marioneta, de Beatriz Berrocal –gañadora do concurso
infantil 2005 de Yoescribo.com-é un libro que me gustou porque
conta cousas que pasan nos institutos e é moi emocionante. É un libro ao que te enganchas e non paras de ler ata rematar. Ademais non é moi longo...
Marina Grueiro, 2ºB

A min gustaríame que o leades porque se vos pasa o mesmo cá protagonista do libro, axudaravos a recapacitar e facer o que ela fixo.
Sara Díaz, 2ºB

viernes, 4 de abril de 2008

CONCURSO DE CALIGRAMAS


Concurso de caligramas: textos xeralmente poéticos nos que o contido forma un debuxo relacionado con el. O creador foi o francés Apollinaire, un escritor do Surrealismo.Fin de admisión dos caligramas: 31 de Marzo de 2008. O xurado votará as primeiras semanas de abril e os premios entregaranse a semana das letras galegas.¡Animadevos! un fantástico premio vos espera...Un bo caligrama... un bo premio. Despois "colgaremos" aquí os gañadores.

jueves, 3 de abril de 2008


Como no Castro Baxoi nos gustan moito as bolboretas (lembrade que foi a nosa palabra preferida), limos o conto titulado Bolboretas, de Xabier P.Docampo, ilustrado por Xosé Cobas. A min pareceume un libro moi bonito. Conta a historia dun neno que se metía bolboretas na boca para sentir as súas cóxegas e despois soltábaas para que seguisen voando. Despois o neno ensinoulle este xogo a unha nena da que estaba namorado. E pasáballe a bolbeta azul da súa boca á dela, dándolle un bico.
Verónica Cousiño, 2º B

domingo, 30 de marzo de 2008

No noso centro fixemos unha enquisa para coñecer as nosas palabras favoritas.
Participamos TODOS: alumnos-as e profesores-as. E as palabras gañadoras foron: BOLBORETA, no primeiro posto; TOXO, no segundo lugar; MORRIÑA, no terceiro.
O alumnado de 4º B está elaborando un dicionario "moi persoal" con todas as palabras que escollemos. Mostrarémolo a semana do libro, 23 abril. Por esas datas tamén faremos unha exposición con todos os libros que fixemos este curso, algúns deles nados a partir do taller de reciclaxe de papel que fixemos en xaneiro. ¡Veredes que ben nos quedaron!

viernes, 28 de marzo de 2008

AMOS OZ



Escritor, novelista e periodista israelí, considerado como un dos màis importantes escritores contemporáneos en hebreo. Premio Israel de Literatura(1998); Premio Goethe de Literatura (2005) e candidato varios anos consecutivos ao Premio Nobel de literatura. En 2007 recibiu o Premio Principe de Asturias das Letras.

viernes, 7 de marzo de 2008

Opinión sobre os libros.

" Meu pai tiña unha relación sensual cos libros. Gustáballe tócalos, escudriñalos, acariñalos, ulilos. Excitábano, non podía conterse, enseguida lles metía man, mesmo aos libros de persoas descoñecidas. É certo que os libros de antes eran moitos mais sexys que os de agora: Tiñan cousas que ulir, que agarimar, que tocar. Había libros con letras de ouro estampadas sobre as aromáticas pastas de pel, algo ásperas ao tacto, pero que facían que che percorrera un calafrío como cando se toca algo íntimo e inaccesible, algo que se estremece e treme ao contacto dos teus dedos. E había libros que tiñan tapas d cartón forradas de tea e pegadas cunha cola que tiña un olor asombroso. Cada libro tiña olor propio, secreto e excitante. Algunhas veces a tea estaba un pouco separada do cartón e movíase coma unha saia atrevida, era dificil evutar mirar polo espazo escuro que había entre o corpo e a roupa e respirar alí arrecendos de vértigo". Amos Oz.

martes, 4 de marzo de 2008

Centenario de Curros.


Este ano é o centenario da morte de Curros Enríquez. Os de 3º de E.S.O imos facer a ruta currosiana, de Celanova a Vilanova dos infantes, o día 30 de abril. Traeremos fotos pra expoñelas no vestíbulo e tamén faremos unha selección de poemas e datos bio e bibliográficos do poeta celanovés.

viernes, 29 de febrero de 2008

Visita de Gonzalo Moure

Gonzálo Moure, autor do libro Son un cabalo, visita o noso centro o día 11 de abril. Manterá un encontro co alumnado de 3º e 4º da ESO sobre a lectura e para falar dos seus libros, especialmente do que xa lemos en clase e do que vos escribimos algún comentario neste blog.


Páxina do escritor: http://www.gonzalomouretrenor.es/

Merece a pena visitala...

martes, 19 de febrero de 2008

Son un cabalo





Estes son algunhas das opinions persoais que alumnos de 3º e 4º escribiron para o autor:



Este libro deume moito que pensar, pareceume fabuloso. Con el deime conta de todo o que pode haber na cabeza dun simple cabalo, ata cheguei a pensar que ese cabalo tiña máis sensibilidade que moitas persoas, e seguín pensando nos homes que matan mulleres, en mulleres que abandoan nenos... Este libro abriume os ollos e penso que de agora en adiante farei todo con máis coidado porque as persoas ás veces facemos dano aos demais, aos animais, aínda que non queiramos.
Cristina González

Trata dun cabalo que conta cousas da súa vida, en especial da súa dona –unha nena- e da súa nai. Cando era pequeno separárono da súa nai e púxose moi triste. A nena recordáblle á súa nai nalgúns aspectos, por exemplo na forma de agarimalo, por iso a quería tanto. O cabalo tamén fala dos seus medos e da forma en que lle gusta que o traten.
Santiago Real


Esperamos que vos gusten.

viernes, 15 de febrero de 2008

Benvidos

Benvidos todos ao novo blog do Castro Baxoi. Este blog esta destinado a informar de todos os acontecementos do noso centro.

Podedes enviar un e-mail a castrobaxoi.blog@gmail.com . Así poderedes deixarnos algunha mensaxe para incluir no blog e, despois de pasar por un pequeno control, será publicada. Animádevos, é divertido.