Este curso pretendemos poñer en marcha un club de lectura no noso colexio, dirixido ós alumnos de 2º ciclo de ESO.
FINALIDADES DO CLUB DE LECTURA:
-O obxectivo principal deste club non é a análise exhaustiva da obra literaria, senón o pracer de ler e tamén o de compartir.
-Pretendemos fomentar o hábito da lectura como unha actividade enriquecedora que abre moitas posibilidades para o tempo de lecer.
-Queremos favorecer o diálogo e a comunicación, para que os alumnos-as recoñezan que a lectura non sempre ten que ser un feito solitario (aínda que tamén) e que serve para compartir gustos, inquedanzas, significados, emocións e opinións sobre o lido.
-Gustaríanos crear un ambiente que favoreza o intercambio de opinións e a aprendizaxe do respecto mutuo: saber escoitar e falar, non interromper aos demais, entender que todas as opinións son válidas... e así favorecer a autoestima e a tolerancia.
-Queremos conseguir que se recoñeza a biblioteca como un lugar onde persoas con intereses diferentes se encontran, comparten cousas e participan nas actividades organizadas por esta.
-Pretendemos incrementar o uso da biblioteca e dala a coñecer como un equipamento cultural imprescindible para o desenvolvemento das materias que cursan e tamén como un medio de axuda e como un lugar para solucionar dúbidas.
-Identificar a biblioteca como o lugar de reunión onde persoas que teñen ganas de compartir ideas, experiencias... se xuntan e invitan a outras persoas a facer que ese lugar sexa cada vez máis frecuentado.
-Ampliar o club de lectura con outras persoas da Comunidade escolar en vindeiros proxectos.
-En definitiva, conseguir que a biblioteca se identifique cos valores positivos que tanto estamos necesitando: serenidade, comunicación, reunión, ilusión, aprender, viaxar, coñecer, compartir, diversión, axuda, amizade...
HORARIO E CALENDARIO PARA AS REUNIÓNS PRESENCIAIS:
As reunións terán lugar na biblioteca do centro todos os venres, de 11,15 h. a 11,45 h. sempre que o calendario escolar dos compoñentes o permita. De ter exames, saídas culturais, actividades extraescolares... esta xuntanza trasladarase ao día e hora que se decida entre todos. Tamén pode ser susceptible de ser ampliado se o grupo considera que o ritmo de lectura debe ou quere ser alterado, puidendo convocarse unha reunión extra en calquera momento que haxa un “oco” e que os lectores así o demanden.
ACTIVIDADES PROGRAMADAS:
-A primeira consistirá na entrega dunha ficha na que se expliquen os datos máis importantes: en que consistirá o Club de lectura, intencións, SiS e NONS... que entregaremos a todos os membros. (Achegamos un modelo de
“folla voante”)