martes, 22 de noviembre de 2011

Visita á Torre de Hércules

MIRADE COMO QUEDOU O PARAUGAS DE SERXIO!

Ben, molladiños como pitos, chegamos da excursión á Coruña que foi moi divertida. Primeiro quixemos ir ao Monte de San Pedro pero como o persoal non se responsabilizaba da nosa morte a causa do vento e da choiva, non nos deixaron entrar.



Despois fomos á Torre de Hércules, onde non morremos de milagre: un vento terrible, un mar precioso, aínda que moi picado, e como non! caían chuzos de punta!!!!!!!!!!!!! E claro, como aínda quedaba tempo e non podiamos pasear e as profes querían cambiar de roupa... pois fomos ata EspacioCORUÑA, onde estivemos un bo tempo ao noso aire!



Foi unha das mellores excursións e un posible programa titulado: "O último supervivinte: como saír seco da Torre de Hércules"!!!






Andrea Piñeiro.

lunes, 14 de noviembre de 2011

CONGRESO BIBLIOTECAS ESCOLARES EN TRÁNSITO

O noso cole estivo presente no Congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito que se celebrou en Santiago de Compostela durante os días 10, 11 e 12 de novembro. Poñentes de recoñecido prestixio, mestres, profesores e representantes das administracións educativas das diferentes comunicades autónomas tivemos a oportunidade de compartir experiencias arredor das bibliotecas e do seu papel na escola. Falouse da importancia da lectura, da escritura, da comunicación oral. Falouse das novas tecnoloxías e da necesidade de incorporalas ao proceso de ensino-aprendizaxe. Falouse dos cambios que se están a producir no xeito de aprender dos nosos alumnos e das reaccións pedagóxicas que estamos obrigados a propiciar en canto a estratexias, metodoloxías, ferramentas, etc. Falouse das bibliotecas en tránsito porque estamos nun momento de transformacións vertixionosas provocadas polas novas tecnoloxías. Falouse tamén do camiño que ten que percorrer a escola para formar aos cidadáns desta nova etapa histórica na que a información, toda a información, está ao alcance dun clic e resulta imprescindible saber buscala, seleccionala e analizala con espíritu crítico para elaborar teses propias e argumentalas axeitadamente. Falouse moito e moi ben de que nos interesa como pais e nais, como mestres e profesores, como cidadáns.

Bibliotecas en tránsito e escolas en tránsito porque a sociedade tamén está cambiando. Esta é, cremos, unha das conclusións deste Congreso no que compartimos medos e reticencias, pero tamén gañas de traballar e ilusión ante os novos retos.